Páginas vistas en total

“Nunca supe muy bien cómo puede determinarse la discapacidad. La incapacidad sí. Es una carencia. Lo que no se tiene, no se tiene. Pero la discapacidad es una limitación física o psíquica. Y no conozco a nadie que no la tenga en un grado o en otro". Iñaki Gabilondo

jueves, 18 de agosto de 2016

Boa xubilación Julia!



A nosa compañeira Julia García colga o seu uniforme, despois de 23 anos acudindo todos os martes e xoves ás instalacións de COGAMI para deixalas como “unha patena”. 
Julia vén de xubilarse, tras dedicar toda unha vida a realizar traballos de limpeza tanto en COGAMI, como nun domicilio particular e nunha residencia de maiores. O dela era un non parar, tiña as horas do día durante a semana e a fin de semana moi axustadas.
Por agora non se fai moito á idea da súa nova situación porque, como ela mesma di, “parece que aínda estou de vacacións de verán”. Aínda é cedo programar plans porque ten que adecuar a súa nova situación á do seu home que segue activo laboralmente pero, o que si xa está a facer, é compartir máis momentos cos seus netos, como os xantares.
Julia xa non ten horarios como antes, pode levantarse máis tarde e é máis dona do seu tempo, iso si, di que nos vai botar de menos, de seguro que tanto como nós a ela. Goza moito desta nova etapa Julia! 
Ata sempre!

miércoles, 13 de abril de 2016

Menores con discapacidade reciben apoio educativo a través dun programa financiado polo 0,7% do IRPF


No blog adoitamos publicar sempre historias persoais, pero vannos permitir desta vez que falemos de varias historias á vez, son historias con nomes e apelidos pero, como pertencen a menores, imos falar dun programa que estamos a desenvolver e que os axuda no seu día a día educativo.

Dende o mes de febreiro, COGAMI forma parte do proxecto Incluye+d, un proxecto que se desenvolve a través de COCEMFE, e que pretende mellorar a autonomía e a aprendizaxe de todas as alumnas e alumnos con discapacidade que estudan nos centros escolares de ensino ordinario.

E como se logra isto? Pois a través de 5 técnicas de educación contratadas que están en Santiago, A Coruña, Lugo e Vigo, que se encargan de contactar cos colexios e organismos que traballan con menores, para interesarse polas necesidades que teñen e buscar medidas para poder solucionalas.

Ata o de agora xa se visitaron 60 centros e entidades, e neles xa están a traballar no reforzo educativo, no desenvolvemento de actividades extraescolares, as habilidades sociais e educativas, intervención social tanto no alumnado como en familiares, acompañamento para actividades lúdicas fóra do centro, sensibilización nas aulas sobre a discapacidade, vanse facer proxectos pilotos de accesibilidade,... en fin, son moitas as necesidades detectadas ás que os centros non pode afrontar e lles trasladan aos técnicos do programa Incluye+d.

Este proxecto forma parte das convocatorias de subvencións de COCEMFE e está financiado a través do 0,7% do IRPF da declaración da renda. As persoas que marcaron o recadro destinada a Fins Sociais permite cos seus impostos que programas coma este, que permite a inclusión de nenas e nenos con discapacidade, poidan ser levados a cabo. Porque #siterenta

jueves, 18 de febrero de 2016

France e Biborka, dúas voluntarias europeas en COGAMI

















Son France Emmanuelle e Biborka Csenga, dúas mozas voluntarias que están a pasar unha tempada en COGAMI, empapándose de todo o que facemos na organización para poder ampliar a súa formación. France e Biborka, unha belga e outra húngara de Romanía, chegaron a Santiago o pasado mes de outubro e aquí estarán ata o mes de xuño. France é terapeuta ocupacional e Biborka é profesora de educación especial. As dúas traballaban nos seus países, e as dúas non dubidaron en deixar os seus traballos para entrar a formar parte dun programa de voluntariado europeo, unha oportunidade para ampliar coñecementos profesionais, pero tamén para coñecer novas culturas, linguas, costumes, xentes,... en fin, para enriquecerse como persoas.


Como COGAMI é unha entidade que forma parte deste mesmo programa europeo, encantados recibimos a estas dúas mozas que durante as mañás comparten o tempo entre as instalacións que temos en Santiago, onde melloran o manexo do ordenador, e tamén os centros de recursos de Avante en Val do Dubra e de Medelo, onde participan das actividades que se desenvolven, e elas mesmas, propuxeron tamén algunha actividade de relaxación.


O idioma suponlles unha barreira, pero pouco a pouco van coñecendo máis léxico, de feito saben dicir perfectamente pulpo, marisco, tortilla, empanada, e tamén van coñecendo uns costumes, que se ben lles eran totalmente alleos, como a sesta, dar dous bicos cando nos presentan a alguén, os horarios do xantar para elas tardíos, comelas uvas coas badaladas de fin de ano, pouco a pouco xa os van practicando. 

Sen dúbida, para estas mozas esta experiencia supón todo un cambio na súa vida. Durante oito meses están noutro país, lonxe das súas familias pero, como elas mesmas afirman, non teñen gañas de marchar.

lunes, 11 de enero de 2016

Ana Belén Rodríguez: “Vive o teu soño”

A historia que compartimos desta vez no blog é a de Ana Belén Rodríguez, unha ourensá que é usuaria de COGAMI e que loitou por conseguir un soño dende que era unha nena, o de ser emprendedora, e así o relata:

Vou contar nun breve resumo, a historia de como decido emprender, sumirme nun proxecto que, se ben ao principio me ocasionou moitos quebradizos de cabeza, hoxe en día dou os seus froitos.

Aínda que teño raíces galegas, nacín e vivín ata os 40 anos en Vitoria. Sempre traballei en diferentes fábricas prestixiosas, ao primeiro como operaria e co paso do tempo, fun ocupando postos de administración. Pero isto non me satisfacía totalmente. Sempre tiven un soño dende pequena, miña curmán e máis eu queriamos ter unha tenda de roupa, pero, como dicía Calderón de la Barca, “los sueños, sueños son”.

Hai uns anos decidín vir para a terra dos meus pais, para Allariz. Iniciei unha nova etapa, un novo proxecto de vida. Atopei traballo pero non cumpría coas miñas expectativas, nin en condicións laborais nin en salario e de repente, un letreiro que dicía Alúgase, fai que se me remova algo por dentro. Volvo a ese soño que tiven de nena, abrir unha tenda de roupa pero cunha diferenza, compartir espazo da tenda co dunha cafetería. É así como nace o meu proxecto: Evasé.

Non vou negar que os inicios foron duros, houbo lágrimas e moitas noites en vela, pero, tras un ano de apertura, xa podo dicir que teño unha persoa contratada para atender a cafetería. Tamén neste proxecto cabe a posibilidade de impartir clases de pilates e ioga e, cada dous meses, hai mercado de roupa de segunda man.

Si, deixo para o final o de que son unha muller cunha discapacidade auditiva dende os 6 anos de idade. A medicación que inxerín para curar unha gripe ocasionoume unha hipoacusia severa, unha condición que non variou o meu proxecto de vida. Por iso, dende aquí quero aproveitar para animar a todas as persoas que teñen discapacidade e que queiran ser emprendedoras que “non soñes o teu soño, vive o teu soño”.

lunes, 10 de agosto de 2015

Nuria López: un modelo de muller

A historia que publicamos hoxe é a dunha moza, Nuria, que non para: estudante universitaria que fai os seus pinitos na modelaxe e que vai adestrar fortemente para ser unha campiona do runner. Ela mesma nos conta como foi este ano para ela. Graciñas Nuria.

O meu nome é Nuria, teño 25 anos e vou nunha cadeira de rodas dende que con 5 anos un coche me atropelou. Pero isto nunca foi un impedimento para conseguir todo aquilo que co tempo me fun propoñendo. Lembro que cando era pequena e me preguntaban que quería ser de maior, eu xa o tiña moi claro, quería ter unha empresa. E camiño disto vou.

Agora estou vivindo en Madrid onde estudo Administración e Dirección de Empresas. Son unha persoa con moitas inquedanzas, a miña cabeza non para. Proba disto é que un día ocorréuseme poder contar cuns cartos extras, así que decidín apuntarme en tres axencias de modelos. Por que non? O que non esperaba era que me ían coller nas tres, nin que ía formar parte  dun anuncio de televisión de Obra Social la Caixa que se emite en todas as canles de televisión.

Vivir nunha gran cidade dá para moito e, ao estar soa, sempre quedan horas mortas durante o día que non sabes como cubrir. Unha tarde déuseme por saír pasear, a pasear, a pasear, e de aí, din o paso para empezar a correr e participar nunha carreira que destinaba os fondos á investigación da lesión medular. Quedei de segunda, utilizando a miña cadeira, non unha especializada para correr. Logo veu outra carreira, onde os que competían eran xente de pé e aínda así non quedei moi mal situada. E como non hai dúas sen tres, volvín quedar de segunda nunha terceira carreira.

Nesta última competición achegóuseme unha representante do Comité Paralímpico Español para comunicarme que me ofrecía a súa colaboración e que me ía poñer en contacto coa Federación Española, co que, cando remate o verán, vou contar cun adestrador profesional.

Agora teño varios proxectos en mente. Quero facer o camiño de Santiago, estou tocando en varias portas a ver se consigo unha handbike para que me axude coa cadeira de rodas. Por outro lado, conseguín que se teñan en conta a competición en cadeira nunha carreira que se fará no mes de abril no meu concello, o de Monforte.

Con este breve resumo do que me estivo pasando neste último ano, encantaríame que todo o mundo se animase a participar en carreiras, a facer deporte e a sentirse o máis vivo posible porque, non poderemos subir unha escaleira ou trepar por unha árbore, pero podemos facer un montón de cousas máis! E estou segura de que moitos de nós aos que nos chaman minusválidos, somos moito máis válidos que todas esas persoas que non ven máis alá.

Sen máis, só desexarvos unhas boas vacacións! Un saúdo.